Saturday 27 de April de 2024

O Xerente do Xacobeo destaca a labor das asociación de Amigos do Camiño na II Xornadas Xacobeas celebradas en Mallorca


As xornadas, que versaron baixo o título “O Camiño Luliano a Santiago”, reuniron a algúns dos máis relevantes expertos e de recoñecido prestixio no ámbito da peregrinación e das rutas xacobeas

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou nas II Xornadas Xacobeas celebradas esta semana en Palma de Mallorca no marco do 700º aniversario da morte de Ramon Llull. As xornadas contaron tamén coa participación do Deán da Catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez.

O título sobre o que versaron estas xornadas, organizadas pola Vicepresidencia e Conselleria de Presidencia, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Mallorca e coa colaboración de BMN- ‘Sa Nostra e do Concello de Palma, foi “O Camiño Luliano a Santiago”.

Sobre este tema celebrouse unha mesa de debate e diferentes relatorios nos que participaron algúns dos máis relevantes expertos e de recoñecido prestixio no ámbito da peregrinación e das rutas xacobeas.

Deste xeito, compartiron as súas reflexións dende as perspectivas da peregrinación en si mesma e a acollida do peregrino, baixo a temática principal baseada na peregrinación que
realizou Ramon Llull a Santiago de Compostela e o auxe actual do turismo de peregrinación.

Rafael Sánchez agradeceu durante a súa intervención á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Mallorca e todos os seus asociados a labor que día a día realizan na promoción e difusión do Camiño de Santiago e a cultura xacobea.

O xerente do Xacobeo explicou que esta conmemoración do VII centenario da morte de Ramon Llull celebrada nas Illas Baleares compaxínase coa celebración do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014) que Galicia conmemora ata mediados deste ano 2015. Segundo sinalou Rafael Sánchez, ambas celebracións e as respectivas peregrinacións emprendidas por san Francisco de Asís e polo beato Ramon Llull poñen de relevo o importante papel do Camiño de Santiago.

Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas
O xerente do Xacobeo aproveitou a ocasión para invitar a participar á Asociación de Amigos do Camiño de Mallorca ao Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas.

Unha das citas congresuais ineludibles para investigadores do fenómeno das peregrinacións que se celebrará os días 4, 5 e 6 de xuño en Santiago de Compostela coa finalidade de compartir información e experiencias, unir criterios e expoñer dificultades, intentando formular proxectos en común a beneficio do Camiño de Santiago.

Unha actividade máis enmarcada na programación da conmemoración do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.